Saturday 20 de April de 2024

A Xunta ratifica a súa aposta polos deportes urbanos co Skate Park de Porto do Son, días antes do debut de Benedetti nos xogos


O novo parque, que contou cun investimento de 46.000 euros cofinanciados entre Xunta e Concello, conta con diferentes elementos que permiten realizar tanto skate como parkour

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou esta mañá o o novo parque de skatepark emplazado no paseo de Brañón, cofinanciado entre os gobernos autonómico e local por un importe de 46.000 euros (25.000 euros achegados pola Xunta e outros 20.900 euros polo concello).
Lete destacou a importancia dos deportes urbanos como amosan as actuacións da Xunta de Galicia neste sentido. Así lembrou como o goberno galego vén de redobrar os seus esforzos para chegar ata os 200.000 euros no patrocinio dun dos principais festivais de cultura urbana de Europa, o Marisquiño, incrementando un 70% a súa colaboración. Precisamente, o secretario xeral puxo o acento noutro festival de deporte urbano que cada verano celebra o concello sonense, o Rompetiño, e tamén na escola de skate municipal.

A aposta decidida da Xunta de Galicia polos deportes urbanos sucede de xeito paralelo á evolución e a actual demanda que existe destas disciplinas. Os Xogos Olímpicos de Toquio, que están a ter lugar nestes días, inclúen por primeira vez no seu programa modalidades como o basket 3×3 e o skateboarding, no que a coruñesa Julia Benedetti competirá o vindeiro mércores na especialidade park. Cómpre salientar que en París 2024 será incorporado o break dance ao programa olímpico. “Instalacións como a que inauguramos hoxe son necesarias para que sigan saíndo galegos e galegas que practiquen deporte e que cheguen tan lonxe como Julia”, dixo o secretario.
O novo parque conta con diferentes elementos que permiten realizar tanto skate como parkour. A intención é que a nova instalación siga crecendo de cara a futuras ampliacións no futuro. En total, o skate park ocupa unha superficie de 480 metros cadrados, en dúas plataformas e empregando formigón como material de construción.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza tamén o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.